Sunday 28 de April de 2024

Unha trintena de touroperadores de 10 países buscarán propostas turísticas na bolsa de contratación do salón Turexpo Galicia


PROCEDEN DE BULGARIA, NORUEGA, HOLANDA, ITALIA, ALEMAÑA, POLONIA, RUSIA, EE.UU, PORTUGAL E DISTINTOS PUNTOS DE ESPAÑA
O VI Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2016, o cal se celebrará do 9 ao 12 de xuño conxuntamente coa Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e de xeito paralelo á 39ª Abanca Semana Verde de Galicia, volverá a contar coa súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística.

No seu marco participarán un total de 31 touroperadores procedentes de 10 países con gran interese como emisores de turismo. Así, acoden maioristas de Alemaña, Bulgaria, EE.UU, España, Holanda, Italia, Noruega, Polonia, Portugal e Rusia.

Estes operadores internacionais e nacionais coñecerán a oferta de 79 empresas do sector do turismo, 76 galegas e 3 de fóra de Galicia, que participan na Bolsa de Contratación nesta edición. Estas poderán mostrarlles detalladamente as súas propostas aos touroperadores co obxectivo de que as incorporen ás ofertas que proporán aos seus clientes nos seus países. Será a través de reunións axendadas con antelación en función dos intereses de ambas partes, as cales terán lugar durante o primeiro día e medio do certame.

Esta Bolsa de Contratación Turística, a cal conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, converterase así nunha inmellorable plataforma de negocio para as empresas participantes e o sector turístico galego.

Viaxe de familiarización

A estas mesas de negocio a Bolsa de Contratación engadirá o venres día 10 pola tarde, o sábado día 11 e a mañá do domingo día 12 un post-tour, unha viaxe de familiarización que levará aos touroperadores a varios lugares da xeografía galega.

Así, o venres visitarán Pontevedra, onde cearán e pasearán polo casco histórico. Xa o sábado acudirán ao monte de O Castro para ter unha panorámica de Vigo, para despois poñer rumbo nunha goleta ás Illas Cíes, onde realizarán unha ruta a pé. Logo coñecerán as bateas de mexillóns e visitarán Baiona e o seu castelo, para rematar catando o viño da adega Terras Gauda en O Rosal.

En canto ao domingo pola mañá, os touroperadores visitarán no marco do post-tour distintos lugares de Santiago de Compostela.

Por outra banda, o domingo pola tarde, xa rematada a viaxe de familiarización, parte dos touroperadores regresarán ao recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA para desfrutar da área expositiva da feira Abanca Semana Verde e das súas numerosas actividades.